Exposición: Álbums para o reencontro. Ribadavia e os ribadavienses IV

ribadavienses_IV.jpgDo 4 de Agosto ao 24 de Setembro de 2006

Nesta cuarta edición de Álbums para o Reencontro, Ribadavia e os Ribadavienses as imaxes donadas serven para facer unha lectura, necesariamente parcial, a través dunha mirada antropolóxica da/s identidade/s ribadaviense/s. De feito, o subtítulo e, polo tanto, o tema a desenvolver este ano é Ribadavienses vistos por si mesmos.

Ribadavia, como todas as vilas galegas, xoga por unha banda un papel de nexo nunha realidade máis ampla, como é a bisbarra do Ribeiro, o que lle permite proxectarse cara a fóra e mostrarse como abandeirada mesmo dun territorio máis amplo a través da festa da Virxe do Portal, do viño, do teatro... e que aquí encadramos baixo o epígrafe de Ribadavia é o Ribeiro. Simultaneamente, aparece outra Ribadavia que se replega sobre si mesma, concebíndose coma un espazo urbano que se exclúe do resto do territorio, e que podemos atopalo no entroido e en determinadas festas e á que nos referimos como Ribadavia é a Vila. A máis, existe outra Ribadavia que promulga unha identidade que, en determinados contextos, trata de erixirse como a única identidade ribadaviense restrinxida a un ámbito social caracterizado pola súa visibilidade social, e que aquí presentamos como de "Ribadavia de toda a vida".

Polo tanto, a través dos distintos niveis suxeridos na análise proposta debúxanse uns grupos sociais que realizan ritos de afirmación identitaria, uns con maior lexitimidade ca outros. En efecto, atopámonos con aqueles que definen a realidade precisamente pola súa visibilización en tódolos ámbitos sociais, que elaboran, ademais, os seus propios espazos e tempos nos que se tornan actores activos que lles permiten afirmar a súa posición social. Estamos a refirirnos concretamente ás sociedades e clubs, como centros que se representan e definen socialmente a través dun proceso de distinción, que lles vai permitir xerar pautas particulares en canto ás celebracións e tempos de lecer, á par que negocian capital social e cultural.

Un discurso sostido nun fondo visual que, se ben cada vez máis rico e diverso, grazas á xenerosidade da sociedade ribadaviense, adoece de carencias respecto aos "outros" ribadavienses, aos que facemos presentes aquí na medida que o fondo o permite e reivindicando o seu recoñecemento.