Álbums para o reencontro. Ribadavia e os Ribadavienses V. Imaxes da Infancia.

portada-2.jpg Álbums para o reencontro acada este ano a súa quinta edición grazas á xenerosa colaboración da Asociación de Amigos do Museo Etnolóxico e do Conxunto Histórico de Ribadavia e mais daqueles cidadáns de Ribadavia e do Ribeiro que doaron as súas fotografías e obxectos persoais, ao Museo.

Nesta ocasión invítase ao público a reflexionar sobre a infancia e chámase a súa atención sobre o feito de que o concepto de infancia, tal e como hoxe o concibimos, é unha construción cultural recente, resultado dun proceso que se iniciou no século XIX e que se foi definindo ao longo do XX en consonancia cos cambios producidos na familia -o paso do modelo troncal ao nuclear-, isto é, coa consolidación do modelo burgués e coa institucionalización da educación

 

As imaxes aquí presentes permítennos seguir ese proceso e, ademáis, móstrannos os cambios acaecidos ao longo do século pasado a través das mensaxes contidas nas fotografías da infancia: a progresiva individualización do neno, a asignación de roles de xénero.... pero tamén, a progresiva aparición de novas maneiras de ver o mundo a partir da década de 1950. Nesta ocasión estas imaxes compleméntanse coa exposición de obxectos dos fondos do Museo, de préstamos particulares e do MUPEGA.

Remata a mostra cun guiño á escola -instrumento para formar cidadáns e man de obra coa culalificación adecuada-, resaltando a xeneralización da escolarización, as diferenzas de xénero no acceso á ciencia -e polo tanto a determinados ámbitos do coñecemento e do poder-, as relacións xerárquicas -reflexo da sociedade en que se insire- e, sobre todo nos anos posteriores á Guerra Civil, o seu papel na lexitimación da orde establecida.

ver galería de fotos