Foto Chao. Do establecemento fotográfico ao museo.

p5310002-copia.jpgA adquisición do arquivo fotográfico Chao supuxo un salto cualitativo e cuantitativo importante para o Arquivo Fotográfico do Museo Etnolóxico. A presente exposición é unha primeira toma de contacto co arquivo dun fotógrafo local, expoñendo só unha mínima parte da súa produción máis antiga, do seu material fotográfico, e amosando algúns dos problemas de conservación máis habituais neste tipo de material.

A mostra articúlase en tres apartados:

 

As cámaras e máquinas: Onde aparece unha selección do instrumental de traballo do establecemento fotográfico. Cámara curiosas como a Romain Talbot (Berlín 1912) para facer ferrotipos que logo se engarzaban en medallóns, a cámara “De Luxe” Sanderson (Londres 1912-1920) ou a Kodak Folding A cun característico fol vermello e un obxectivo de calidade, «pocket cameras» entre as que destaca a Vest Pocket Model B(USA 1925-1934) que incorpora na parte posterior unha persianiña que se abre para poder realizar anotacións no negativo, Prominent de Voigländer,(Alemania 1952-1958), cámaras reflex binoculares como a Meopta (Checoslovaquia), ou reflex monoculares: como Voigtländer Bessamatic (Alemania 1949-1959) e Ashi (Xapón 1976-1997). En
contraposición a cámaras de menor calidade dirixidas a un público menos esixente, e fáciles de manexar : Kodak Baby Brownie (USA 1936-1939), Daci (Alemania 1949-59), Univex AF (USA 1935-1939) etc.

A produción fotográfica: Sección na que se recrea o estudio do fotógrafo Amando Pérez Lorenzo e se recolle unha escolma dos diferentes tipos de fotografía que nos amosa o arquivo. Retratos de estudio, a maior parte das veces feitos para o álbum familiar e nalgúns casos testemuños indubidable de clase social. Fotografía feita no exercicio da ambulancia, especialmente nas feiras de A Cañiza e Avión, imaxes ao ar libre e cuxo destino adoitaba ser a emigración. O reporteirismo gráfico, con visitas de políticos relevantes, corridas de touros, accidentes de tráfico ou obras públicas. Fotografía de interiores que nos permite coñecer espazos de traballo, establecementos públicos ou interiores de espazos domésticos. Remata este apartado coas composicións de estudio, nas que o fotógrafo se mostra como un amante da súa profesión, experimentando con texturas, retoques, xogos lumínicos...

A conservación dos negativos de xelatina en soporte de vidro.
As copias, negativos e diapositivas fotográficas son obxectos complexos, compostos por varios materiais dispostos en capas. A súa conservación esixe o coñecemento das propiedades do material e a forma de distribución. Amósase aquí unha pequena escolma de negativos de placas de vidro nas que se pode apreciar a deterioración nos seus tres compoñentes: deterioración na xelatina aglutinante que en condicións non favorables tende a expandirse ou contraerse e ao desenvolvemento de fungos. Deterioración no soporte (vidro) pola súa fraxilidade: rotura, e por transformacións químicas inducidas pola xelatina coa que está en contacto: lixiviación. E a deterioración da imaxe final provocada por cambios químicos na prata que forma esa imaxe.
Preséntase tamén unha pequena mostra do retoque fotográfico a que estes negativos se vían sometidos, apreciando unha chea de recursos que modifican as placas impresionadas, e que nos indican un traballo oculto, detrás das cámaras, exquisito e meticulosos para recompoñer encadres, suavizar xestos e remarcar indumentaria.