Seguindo o Fío. A Tradición Textil en Galicia

A exposición supón un percorrido histórico (partindo do século XVIII) a través da tradición téxtil en Galicia, destacando a importancia tida no pasado polo cultivo do liño e a incidencia de tecidos e lenzos na vida dos grupos domésticos campesiños.

Articúlase en dous rexistros, un (superior) histórico, que discorre en paralelo ás pezas (na parte inferior), as cales constitúen o soporte museográfico do traballo téxtil.

A súa vez pódense diferenciar 4 ámbitos dentro do propio discurso:

  •  A importancia do cultivo do liño en Galicia. Na primeira metade do século XVIII hai unha produción maioritariamente rural e doméstica de lenzos “ordinarios”. Este cultivo diminúe a partires do ano 1760 como consecuencia da entrada do liño Báltico. Con esta importación acontece a aparición dun sector de comerciantes que van a controlar esa entrada, incorpórase ao sector máis xente e grupos sociais diversos. Sen embargo non se consegue dar o paso cara a industrialización. Hai un estancamento técnico que limita a produción, e as necesidades de compatibilizar agricultura e fabricación de tecidos persiste. A industria avanza fora de Galicia, e non co liño senón co algodón, os tecidos ingleses ou cataláns, máis baratos, desprazan ao produto galego.
  • O “non traballo feminino”. A roca e o fuso en contraposición a roda de fiar mergúllanos no traballo de xénero. Se no proceso do liño hai algunhas tarefas que son compartidas por homes e mulleres, a maioría son exclusivamente femininas e delas o fiado é tarefa propia de mulleres. A escasa valoración social do fiado está intimamente ligada á súa consideración como tarefa apropiada ás habilidades e aptitudes propias do carácter feminino. Fiar con roca e fuso era parte dos saberes que tiña toda muller polo feito de selo; a roda de fiar pola contra esixía unha formación específica e unha dedicación en exclusividade. Era preciso que as mulleres fiaran sen deixar por iso de lado o resto das labores. Na xeografía galega abundan as rocas e fusos pero non así as rodas de fiar.
  • A volta a tradición téxtil: A mediados do século XX Galicia volta sobre a súa tradición téxtil pero á marxe do cultivo liñeiro e de produción de tecidos. Os coñecementos e destrezas da muller, adaptados no século XX á labor de costureira, son aproveitados por grupos empresariais que aproveitan as redes de subcontratación formadas por cooperativas, talleres e o traballo informal de mulleres que van a domicilio. Actualmente o sector téxtil galego ocupa o 3º lugar entre tódalas CCAA.
  • Identidade/Folklorización: Por último e tendo en conta os valores visuais da indumentaria, o papel destacado como imaxe da cultura á que pertence unha vestimenta, e o papel desempeñado polo traxe na festa e na danza como signo visible das identidades, remátase o percorrido cunha pequena selección de traxes pertencentes ao corpo de baile Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela.
  • A industria téxtil converteuse no símbolo da Galicia moderna. Galicia, ademais de ser sede da primeira empresa do ramo, éo dun grupo de prestixiosas sinaturas de moda entre as que se atopan Adolfo Domínguez, Caramelo ou Roberto Verino. Neste grupo foi pioneira a estratexia de mercadotecnia de Adolfo Domínguez iniciada en 1979 coa campaña  “La arruga es bella”, recoñecida como unha das mellores campañas publicitarias da España contemporánea e que foi o arranque da denominada “moda galega”. Con ela abriuse o camiño para a recuperación do liño e para unha nova concepción da industria que poñía a moda ao alcance de novos sectores da poboación.