O Calendario Agrícola

O calendario constitúe un claro exemplo da débeda cultural que a civilización de occidente ten coa antiga Roma

O calendario que hoxe está en uso é o que estableceu Julio Cesar no ano 46 a. c.. Entón había distintos calendarios en función das diversas necesidades, administrativas, económicas, relixiosas. Entre estes, o menoloxio rústico ou calendario agrícola, no que se indicaba a faena agrícola correspondente a cada mes, será o máis popular durante a Idade Media. Pero a diferenza do romano, que tiña un carácter eminentemente práctico, o medieval asume unha función simbólica dentro dun contexto cristián e introduce algunhas variantes ao adaptalo a un novo tipo de sociedade cristiá e máis ruralizada, con achegas dos pobos xermanos, como pode ser a importancia que adquire a matanza.

Ademais, co paso do tempo irá reflectindo os cambios sociais e asumindo novos contidos simbólicos, ata que no século XVI se desliga definitivamente do ámbito relixioso para converterse nunha escusa para a representación de escenas da vida cotiá no campo.

Os menoloxios rústicos medievais estaban constituídos por unha secuencia de imaxes de carácter costumista co ciclo anual agrícola. Nesta exposición reconstruímos a serie dos doce meses, seguindo o modelo da secuencia de faenas representadas no calendario pétreo da igrexa de Santa María de Azogue (Betanzos. A Coruña) a partir dunha selección de fotografías de interese etnográfico, complementadas por imaxes extraídas doutros menoloxios medievais e cos correspondentes apeiros agrícolas e utensilios máis representativos de cada unha das faenas.

Como colofón, presentamos unha pequena sección dedicada a todas aquelas faenas e cargas que completaban a xornada de traballo da muller campesiña e que se viñan a sumar ás faenas agrícolas de cada tempada. Así e todo, o seu traballo non era recoñecido como tal, e nin sequera as estatísticas oficiais deixaban constancia diso ao rexistrar unicamente como traballo produtivo a man de obra masculina.