Seguindo o fío. A tradición textil en Galicia

exposicion_textil.jpgA exposición supón un percorrido histórico (partindo do século XVIII) a través da tradición téxtil en Galicia, destacando a importancia tida no pasado polo cultivo do liño e a incidencia de tecidos e lenzos na vida dos grupos domésticos campesiños.

Articúlase en dous rexistros, un (superior) histórico, que discorre en paralelo ás pezas (na parte inferior), as cales constitúen o soporte museográfico do traballo téxtil.

A súa vez pódense diferenciar 4 ámbitos dentro do propio discurso:

  1. A importancia do cultivo do liño en Galicia. Na primeira metade do século XVIII hai unha produción maioritariamente rural e doméstica de lenzos "ordinarios". Este cultivo diminúe a partires do ano 1760 como consecuencia da entrada do liño Báltico. Con esta importación acontece a aparición dun sector de comerciantes que van a controlar esa entrada, incorpórase ao sector máis xente e grupos sociais diversos. Sen embargo non se consegue dar o paso cara a industrialización. Hai un estancamento técnico que limita a produción, e as necesidades de compatibilizar agricultura e fabricación de tecidos persiste. A industria avanza fora de Galicia, e non co liño senón co algodón, os tecidos ingleses ou cataláns, máis baratos, desprazan ao produto galego.
  2. O "non traballo feminino". A roca e o fuso en contraposición a roda de fiar mergúllanos no traballo de xénero. Se no proceso do liño hai algunhas tarefas que son compartidas por homes e mulleres, a maioría son exclusivamente femininas e delas o fiado é tarefa propia de mulleres. A escasa valoración social do fiado está intimamente ligada á súa consideración como tarefa apropiada ás habilidades e aptitudes propias do carácter feminino. Fiar con roca e fuso era parte dos saberes que tiña toda muller polo feito de selo; a roda de fiar pola contra esixía unha formación específica e unha dedicación en exclusividade. Era preciso que as mulleres fiaran sen deixar por iso de lado o resto das labores. Na xeografía galega abundan as rocas e fusos pero non así as rodas de fiar.
  3. A volta a tradición téxtil: A mediados do século XX Galicia volta sobre a súa tradición téxtil pero á marxe do cultivo liñeiro e de produción de tecidos. Os coñecementos e destrezas da muller, adaptados no século XX á labor de costureira, son aproveitados por grupos empresariais que aproveitan as redes de subcontratación formadas por cooperativas, talleres e o traballo informal de mulleres que van a domicilio. Actualmente o sector téxtil galego ocupa o 3º lugar entre tódalas CCAA.
  4. Identidade/Folklorización: Por último e tendo en conta os valores visuais da indumentaria, o papel destacado como imaxe da cultura á que pertence unha vestimenta, e o papel desempeñado polo traxe na festa e na danza como signo visible das identidades, remátase o percorrido cunha pequena selección de traxes pertencentes ao corpo de baile Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela.