Exposición: Mulleres, tipos e estereotipos. Fotografías de José Ortiz Echagüe.

exposicion_mulleres_2006.jpgDo 14 de Febreiro ao 26 de Marzo de 2006

José Ortiz Echagüe (Guadalaxara, 1886 - Madrid, 1980) foi fotógrafo afeccionado e apaixonado, considerado un destacado representante do pictorialismo fotográfico español.

As súas fotografías teñen moito de artesanal, o cal se aprecia nunha primeira ollada. A intencionalidade artística queda reflectida en todos os factores que conforman a imaxe: na selección do escenario, na composición ou na creación do cadro. A posta en escena, non exenta de dramatismo e a maior parte das veces sen referencias espazo-temporais, transluce un espírito mitificador dunha realidade que non é tal senón que é bastante máis dura; esta realidade non asoma por ningures, mais a súa propia ausencia é un documento de destacado valor histórico. É de destacar a súa técnica ao carbón directo sobre papel Fresson coa que conseguía suavizar os contornos e resaltar os detalles, dando mostras dunha grande meticulosidade.

O estatismo, o silencio e a orde que desprende cada imaxe provoca no espectador a evocación dun mundo "incontaminado" polo progreso e pola modernización, evocación por outra banda reiterada por moitos fotógrafos estranxeiros que se achegaron a España na segunda metade do século XIX.

A mostra está composta por 47 reproducións dos orixinais da serie España: tipos y trajes, levadas a cabo con sumo esmero pola Subdirección General de Promoción de las Bellas Artes. Eran en orixe 217 copias en papel, a maior parte delas asinadas e tituladas polo propio autor, adquiridas en 1933 para o Museo do Traxe Rexional e Histórico (creado en 1927 e integrado en 1934 no Museo do Pobo Español, que á súa vez pasou a ser en 1993 Museo Nacional de Antropoloxía) como apoio documental e expositivo para as coleccións de traxes populares. En 1929, algunhas destas fotografías (80) formaron parte do libro Spanische Köpte, editado en Alemaña e publicado en 1930 en España co título de Tipos y trajes de España, obra prologada por José Ortega y Gasset que foi reeditada catro veces debido ao seu grande éxito.