Exposición: Ser, estar e producir. Fotografías de Mila Rodero

expo_ser_estar_producir.jpgDo 11 de Maio ao 25 de Xullo de 2006

Mila Rodero (1950) é licenciada en Historia da Arte pola Complutense e Diplomada en Cinematografía pola Universidade de Valladolid. No ano 1987 participa nun obradoiro no Círculo de Belas Artes de Madrid co fotógrafo de Magnum, Marc Riboud, que a leva a adicarse profesionalmente á fotografía sen ningunha pretensión artística. A súa participación en mostras colectivas e individuais de fotografía é continua desde o ano 1990, compaxinando esta actividade coa docencia e as publicacións.

Trátase dunha colección fotográfica producida polo Museo Etnolóxico, que retrata xentes de oficio ourensáns, coa cal preténdese reflexionar sobre a evolución dos oficios cara a súa adaptación ao mercado capitalista.

Coa exposición quérese facer referencia a unha serie de oficios que mostraban unha forma de vida, de producción e de posicionamento na estructura social e que, agora, mudaron na súa elaboración, significado e adaptación ao mercado. Un modo de ser a través duns coñecementos que formaron parte, seguramente, do proceso de socialización, de estar a través da propia posición social e de producción especializada para un mercado local e cada vez máis global. O cambio a tódolos niveis -do rural ao urbano, no modo e relacións de producción, nas relacións de parentesco e herdanza, entre outras- están a desenvolver a pervivencia duns e a desaparición doutros. Por este motivo diferenciase entre aqueles que chamamos "Os gardiáns da memoria" e aqueloutros que encadraremos baixo o título de "Recreando a memoria. Novas experiencias".

Os gardiáns da memoria lémbrannos que os oficios serviron durante un tempo de actividade complementaria, ás veces estacional ao traballo agrario e na que participaban varios membros do grupo doméstico, en ocasións desenvoltos de maneira ambulante, sen faltar aqueles exercidos de maneira continuada .

Pola súa parte, recreando a memoria introdúcenos en actividades que se adaptaron ao novo mercado a partires de experiencias patrimoniais, conformando así novos oficios, productos e clientes, sumerxíndose no mercado actual a través de novas formas de distribución.