Exposicións

O Calendario Agrícola

O calendario constitúe un claro exemplo da débeda cultural que a civilización de occidente ten coa antiga Roma

O calendario que hoxe está en uso é o que estableceu Julio Cesar no ano 46 a. c.. Entón había distintos calendarios en función das diversas necesidades, administrativas, económicas, relixiosas. Entre estes, o menoloxio rústico ou calendario agrícola, no que se indicaba a faena agrícola correspondente a cada mes, será o máis popular durante a Idade Media. Pero a diferenza do romano, que tiña un carácter eminentemente práctico, o medieval asume unha función simbólica dentro dun contexto cristián e introduce algunhas variantes ao adaptalo a un novo tipo de sociedade cristiá e máis ruralizada, con achegas dos pobos xermanos, como pode ser a importancia que adquire a matanza.

Ademais, co paso do tempo irá reflectindo os cambios sociais e asumindo novos contidos simbólicos, ata que no século XVI se desliga definitivamente do ámbito relixioso para converterse nunha escusa para a representación de escenas da vida cotiá no campo.

Os menoloxios rústicos medievais estaban constituídos por unha secuencia de imaxes de carácter costumista co ciclo anual agrícola. Nesta exposición reconstruímos a serie dos doce meses, seguindo o modelo da secuencia de faenas representadas no calendario pétreo da igrexa de Santa María de Azogue (Betanzos. A Coruña) a partir dunha selección de fotografías de interese etnográfico, complementadas por imaxes extraídas doutros menoloxios medievais e cos correspondentes apeiros agrícolas e utensilios máis representativos de cada unha das faenas.

Como colofón, presentamos unha pequena sección dedicada a todas aquelas faenas e cargas que completaban a xornada de traballo da muller campesiña e que se viñan a sumar ás faenas agrícolas de cada tempada. Así e todo, o seu traballo non era recoñecido como tal, e nin sequera as estatísticas oficiais deixaban constancia diso ao rexistrar unicamente como traballo produtivo a man de obra masculina.

Unha Peza Singular. A Roca de Onfaia

Na exposición Unha peza singular. A roca de Onfalia preséntase unha lectura da roca como símbolo da condición feminina e da esposa virtuosa, e  como imaxe mais representativa do traballo invisible da muller ao longo da historia. A mitoloxía, a literatura, a pintura e o gravado ofrécennos testemuños evidentes que veñen a confirmar o papel que o fiado ocupou no proceso de domesticación da muller.

Ser, estar, producir. Oficios e visibilidade

24-blog.jpgA exposición desenvólvese en tres ámbitos: "O museo no cárcere", "Que pensamos que fai cadaquén" e "A reconversión do oficio". Os tres ámbitos ten en común as fotografías -feitas pola fotógrafa MILA RODERO- de xentes de oficio da provincia de Ourense, Lugo e A Coruña, así como obxectos dos fondos do Museo e deixados en préstamo polas propias xentes de oficio.

1.- "O museo no cárcere" recolle unha mostra a modo de fotograma do obradoiro desenvolvido no Centro Penitenciario Pereiro de Aguiar polo Museo Etnolóxico.

2. " Que pensamos que fai cadaquén" Pretende dar pé a unha reflexión sobre o papel da muller nos oficios. "Eu si fora home sería ferreiro" (Justa Señor, A Fonsagrada)

3.- "A reconversión do oficio": Amósanos como a maioría dos oficios se foron adaptando para converterse en plenamente competitivos no mercado actual. "..entón emprezamos a trampear os zocos con outras cousas, puseiras, carteiras, (...) uns cintos que xa facía meu pai (...) pois ao mellor ibas vendendo algo deso e seguías traballando no mismo" (Elena Ferro, A Merza) ver galería de fotos ver galería

Os catro elementos. Aire, auga, terra e lume

terra.jpg

A exposición Os catro elementos e un proxecto interdisciplinar no que o patrimonio etnográfico material, o patrimonio histórico, a fotografía, a tradición oral e a literatura se xuntan para facer evidente o papel esencial que tivo cada un dos catro elementos no desenvolvemento da civilización ao longo da historia así como a súa presenza e a súa valoración na cultura occidental.

Durante milenios os catro elementos foron protagonistas de ritos, mitos e realidades. Dende a antiga Grecia ata finais do século XVII, cando nacen as ciencias experimentais e o pensamento racionalista, o aire, a auga, a terra e o lume foron o fundamento da visión do mundo, do microcosmos humano e do macrocosmos do universo, da súa creación e as súas mutacións. Ata entón, humanistas, teólogos, científicos, literatos e artistas sentíronse fascinados polo edificio doutrinal organizado entorno aos catro elementos.

Seguindo o fío. A tradición textil en Galicia

exposicion_textil.jpgA exposición supón un percorrido histórico (partindo do século XVIII) a través da tradición téxtil en Galicia, destacando a importancia tida no pasado polo cultivo do liño e a incidencia de tecidos e lenzos na vida dos grupos domésticos campesiños.

Articúlase en dous rexistros, un (superior) histórico, que discorre en paralelo ás pezas (na parte inferior), as cales constitúen o soporte museográfico do traballo téxtil.

Álbums para o reencontro. Ribadavia e os Ribadavienses V. Imaxes da Infancia.

portada-2.jpg Álbums para o reencontro acada este ano a súa quinta edición grazas á xenerosa colaboración da Asociación de Amigos do Museo Etnolóxico e do Conxunto Histórico de Ribadavia e mais daqueles cidadáns de Ribadavia e do Ribeiro que doaron as súas fotografías e obxectos persoais, ao Museo.

Nesta ocasión invítase ao público a reflexionar sobre a infancia e chámase a súa atención sobre o feito de que o concepto de infancia, tal e como hoxe o concibimos, é unha construción cultural recente, resultado dun proceso que se iniciou no século XIX e que se foi definindo ao longo do XX en consonancia cos cambios producidos na familia -o paso do modelo troncal ao nuclear-, isto é, coa consolidación do modelo burgués e coa institucionalización da educación

Foto Chao. Do establecemento fotográfico ao museo.

p5310002-copia.jpgA adquisición do arquivo fotográfico Chao supuxo un salto cualitativo e cuantitativo importante para o Arquivo Fotográfico do Museo Etnolóxico. A presente exposición é unha primeira toma de contacto co arquivo dun fotógrafo local, expoñendo só unha mínima parte da súa produción máis antiga, do seu material fotográfico, e amosando algúns dos problemas de conservación máis habituais neste tipo de material.

A aula no Museo

p5180002.jpg A exposición amosa distintos debuxos e bocetos que o alumnado de 4º curso de ESO e 1º de Bacharelato - baixo a dirección de Mª Jesús Labarta e Xosé Manuel Rodríguez Alonso- do IES "O Ribeiro" elaborou despois dun estudo teórico e práctico sobre aspectos narrativos constantes ao longo da historia da ilustración. Aproveitando os fondos do museo, logo dunha reflexión na aula sobre tanllas e elementos da vaixela comùn no seu aspecto intemporal, esbózáronse as pezas "in situ", e desde esa toma de contacto cun material tanxible, plantexouse a súa inclusión nunha escena, onde as olas debuxadas complementarían o aspecto trascendente da historia elixida.

Con esta mostra inaugurada o dia 18 de maio, Día Internacional dos Museos, o museo quixo sumarse ao lema elexido este ano polo ICOM "Museos e patrimonio universal" co fin de centrar a atención sobre as coleccións, soporte incuestionable do funcionamento dos centros museísticos. O IES o Ribeiro ven participando nestes dous últimos anos nas distintas actividades diseñadas no Museo, actividades nas que os alumnos fixeron un estudio pormenorizado dos fondos de olaría desde a Educación Plástica e Visual. Observáronse fríamente desde a xeometría, reflexionouse sobre a súa natureza, e unha vez comprendidos esbozáronse, para finalmente cada alumno deseñas as súas propias pezas.

p5180002.jpg pict0003-copia.jpg pict0004-copia.jpg p5180039.jpg pict0001.jpg

Exposición: Fantasías Republicanas

fant-1.jpgDo 8 de Decembro de 2006 ao 8 de Abril de 2007

Exposición enmarcada dentro da programación do Outono Fotográfico que promove cada ano a Casa da Xuventude de Ourense.

Neste ano 2006 cúmprese o 75 aniversario da proclamación da II República española instaurada por vontade popular o 14 de abril de 1931. Con tal motivo ao longo do ano viñéronse organizando por todo o Estado Español diversos actos e actividades culturais co obxecto de difundir os logros democráticos dun período da nosa historia recente do que o actual réxime democrático é o herdeiro directo.

Con este proxecto pretendemos sumarnos a ese esforzo que se está a realizar dende a propia Consellería de Cultura e Deporte de recuperación da memoria histórica. Por iso, o obxectivo e a primeira razón de ser de Fantasías Republicanas é a de ir mais alá da proposta puramente artística e de provocar unha reflexión en torno á II República, de maneira que cada artista realiza unha achegada moi persoal con obras, la maioría delas realizadas ex-profeso, nas que aluden a algún dos aspectos ou valores asociados con ese período histórico.

Artistas que participan no proxecto

  • ANGELO FERREIRA SOUSA (Porto, 1964)
  • ACISCLO NOVO (Ourense, 1970)
  • CARLOS RODRIGUEZ-MENDEZ (As Neves, 1968)
  • DAVID TRULLO (Madrid, 1969)
  • DIEGO DEL POZO BARRIUSO (Valladolid, 1974)
  • ENRIQUE LISTA (A Coruña, 1977)
  • FRAN HERBELLO (Meenziken, Suíza, 1997)
  • IGNACIO GARCÍA GÓMEZ DEL VALLE (Tenerife, 1978)
  • IZASKUN ÁLVAREZ GAINZA (Donostia, 1982)
  • JOSÉ PAZ (Eibar, Guipúzcoa, 1964)
  • MOSISES MAHIQUES (Quentretonda, Valencia, 1976)
  • MÓNICA CABO (Oviedo, 1978)
  • O.RG.I.A. (Valencia)
  • ROSENDO CID (Ourense, 1970)
  • VALLE GALERA DE URIARTE (Jaen, 1980)

Exposición: Álbums para o reencontro. Ribadavia e os ribadavienses IV

ribadavienses_IV.jpgDo 4 de Agosto ao 24 de Setembro de 2006

Nesta cuarta edición de Álbums para o Reencontro, Ribadavia e os Ribadavienses as imaxes donadas serven para facer unha lectura, necesariamente parcial, a través dunha mirada antropolóxica da/s identidade/s ribadaviense/s. De feito, o subtítulo e, polo tanto, o tema a desenvolver este ano é Ribadavienses vistos por si mesmos.

Ribadavia, como todas as vilas galegas, xoga por unha banda un papel de nexo nunha realidade máis ampla, como é a bisbarra do Ribeiro, o que lle permite proxectarse cara a fóra e mostrarse como abandeirada mesmo dun territorio máis amplo a través da festa da Virxe do Portal, do viño, do teatro... e que aquí encadramos baixo o epígrafe de Ribadavia é o Ribeiro. Simultaneamente, aparece outra Ribadavia que se replega sobre si mesma, concebíndose coma un espazo urbano que se exclúe do resto do territorio, e que podemos atopalo no entroido e en determinadas festas e á que nos referimos como Ribadavia é a Vila. A máis, existe outra Ribadavia que promulga unha identidade que, en determinados contextos, trata de erixirse como a única identidade ribadaviense restrinxida a un ámbito social caracterizado pola súa visibilidade social, e que aquí presentamos como de "Ribadavia de toda a vida".

Polo tanto, a través dos distintos niveis suxeridos na análise proposta debúxanse uns grupos sociais que realizan ritos de afirmación identitaria, uns con maior lexitimidade ca outros. En efecto, atopámonos con aqueles que definen a realidade precisamente pola súa visibilización en tódolos ámbitos sociais, que elaboran, ademais, os seus propios espazos e tempos nos que se tornan actores activos que lles permiten afirmar a súa posición social. Estamos a refirirnos concretamente ás sociedades e clubs, como centros que se representan e definen socialmente a través dun proceso de distinción, que lles vai permitir xerar pautas particulares en canto ás celebracións e tempos de lecer, á par que negocian capital social e cultural.

Un discurso sostido nun fondo visual que, se ben cada vez máis rico e diverso, grazas á xenerosidade da sociedade ribadaviense, adoece de carencias respecto aos "outros" ribadavienses, aos que facemos presentes aquí na medida que o fondo o permite e reivindicando o seu recoñecemento.

Distribuir contido