Xeral

Seguindo o Fío. A Tradición Textil en Galicia

A exposición supón un percorrido histórico (partindo do século XVIII) a través da tradición téxtil en Galicia, destacando a importancia tida no pasado polo cultivo do liño e a incidencia de tecidos e lenzos na vida dos grupos domésticos campesiños.

Articúlase en dous rexistros, un (superior) histórico, que discorre en paralelo ás pezas (na parte inferior), as cales constitúen o soporte museográfico do traballo téxtil.

A súa vez pódense diferenciar 4 ámbitos dentro do propio discurso:

  •  A importancia do cultivo do liño en Galicia. Na primeira metade do século XVIII hai unha produción maioritariamente rural e doméstica de lenzos “ordinarios”. Este cultivo diminúe a partires do ano 1760 como consecuencia da entrada do liño Báltico. Con esta importación acontece a aparición dun sector de comerciantes que van a controlar esa entrada, incorpórase ao sector máis xente e grupos sociais diversos. Sen embargo non se consegue dar o paso cara a industrialización. Hai un estancamento técnico que limita a produción, e as necesidades de compatibilizar agricultura e fabricación de tecidos persiste. A industria avanza fora de Galicia, e non co liño senón co algodón, os tecidos ingleses ou cataláns, máis baratos, desprazan ao produto galego.
  • O “non traballo feminino”. A roca e o fuso en contraposición a roda de fiar mergúllanos no traballo de xénero. Se no proceso do liño hai algunhas tarefas que son compartidas por homes e mulleres, a maioría son exclusivamente femininas e delas o fiado é tarefa propia de mulleres. A escasa valoración social do fiado está intimamente ligada á súa consideración como tarefa apropiada ás habilidades e aptitudes propias do carácter feminino. Fiar con roca e fuso era parte dos saberes que tiña toda muller polo feito de selo; a roda de fiar pola contra esixía unha formación específica e unha dedicación en exclusividade. Era preciso que as mulleres fiaran sen deixar por iso de lado o resto das labores. Na xeografía galega abundan as rocas e fusos pero non así as rodas de fiar.
  • A volta a tradición téxtil: A mediados do século XX Galicia volta sobre a súa tradición téxtil pero á marxe do cultivo liñeiro e de produción de tecidos. Os coñecementos e destrezas da muller, adaptados no século XX á labor de costureira, son aproveitados por grupos empresariais que aproveitan as redes de subcontratación formadas por cooperativas, talleres e o traballo informal de mulleres que van a domicilio. Actualmente o sector téxtil galego ocupa o 3º lugar entre tódalas CCAA.
  • Identidade/Folklorización: Por último e tendo en conta os valores visuais da indumentaria, o papel destacado como imaxe da cultura á que pertence unha vestimenta, e o papel desempeñado polo traxe na festa e na danza como signo visible das identidades, remátase o percorrido cunha pequena selección de traxes pertencentes ao corpo de baile Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela.
  • A industria téxtil converteuse no símbolo da Galicia moderna. Galicia, ademais de ser sede da primeira empresa do ramo, éo dun grupo de prestixiosas sinaturas de moda entre as que se atopan Adolfo Domínguez, Caramelo ou Roberto Verino. Neste grupo foi pioneira a estratexia de mercadotecnia de Adolfo Domínguez iniciada en 1979 coa campaña  “La arruga es bella”, recoñecida como unha das mellores campañas publicitarias da España contemporánea e que foi o arranque da denominada “moda galega”. Con ela abriuse o camiño para a recuperación do liño e para unha nova concepción da industria que poñía a moda ao alcance de novos sectores da poboación.
     

 

Prensa Histórica e Xornais Dixitalizados

A conservación e difusión do patrimonio bibliográfico é un tema que preocupa a moitas institucións, actualmente a través da internet podemos consultar a texto completo moitas publicacións periódicas antiguas sen necesidade de ir fisicamente á biblioteca ou centro de documentación. Presentamos algunhas páxinas en internet que nos permiten facer estas consultas:

Prensa Galega CSBG:

Publicacións periódicas publicadas en Galiza e fóra de Galiza, sobre temas galegos, no século XIX e XX.

Publicacións Centro Ramón Piñeiro:

Destacan publicacións periódicas pertencentes á prensa galega emigrante.

Hemeroteca Virtual Real Academia Galega:

Xornais e revistas culturais publicadas en Galiza fundamentalmente no século XIX e principios do XX.

Hemeroteca Digital BNE:

Prensa política, humorística, científica, deportiva, literaria… representativa da produción hemerográfica hispana conservada na Biblioteca Nacional, desde os seus inicios até o século XX, respetando os límites da lexislación.

Biblioteca Virtual de Prensa Histórica:

Dentro do proxecto de colaboración do Ministerio de Cultura e as Comunidades Autónomas, fundacións, universidades para a dixitalización do Patrimonio Histórico Español. Son revistas de temática variada, que abrangue un amplo período histórico que chega até o século XVIII.

Hemeroteca Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes:

Edicións dixitais de prestixiosas revistas científicas e culturais de diferentes áreas temáticas.

Adquisicións 2008 (II)

Dentro das adquisicións de restauración e conservación destacamos as seguintes monografías: Aportaciones teóricas y experimentales en problemas de conservación. Actas del II seminario sobre restauración de bienes culturales. Aguilar de Campoo. 19-21 julio 2006, Innovación tecnológica en conservación y restauración del patrimonio, Analytical techniques in materials conservation, Guide de manipulation des collections, Conservation and care of glass objects, X-Radiography of textiles, dress and related objects, Indicadores para la gestión de conservación en museos, archivos y bibliotecas.

Na temática de museoloxía e museografía: Museums and difference, Musealizar la vida cotidiana: los museos etnológicos del Alto Aragón, El turismo cultural, los museos y su planificación, La caja de cristal: un nuevo modelo de museo.

Restauración e conservación:

  • Aportaciones teóricas y experimentales en problemas de conservación. Actas del II seminario sobre restauración de bienes culturales. Aguilar de Campoo. 19-21 julio 2006. No curso tratáronse temas tan distantes na metodoloxía e técnicas de intervención como : a construción e restauración do patrimonio construído con terra, a innovación tecnolóxica e conservación-restauración do patrimonio arqueolóxico moble, o marco legal, estrutura e documentos dos proxectos de restauración, o novo sistema de travesas móbiles para a consolidación de soportes en pinturas sobre táboa, a restauración das estruturas de madeira no mobiliario histórico, restauración de tapices e a restauración como medio de “redefinición” histórico-artística.
  • Innovación tecnológica en conservación y restauración del patrimonio. Presenta os traballos de investigación aplicada e de innovación tecnolóxica no campo da conservación e restauración do patrimonio arqueolóxico, artístico, histórico e industrial, expostos nunha Xornada Científica da Semana da Ciencia celebrada no Concello de Tres Cantos.
  • Analytical techniques in materials conservation, de B. H. Stuart. Para cada campo estudado: materiais inorgánicos, polímeros, biomateriais e metais, explica como os datos poden ser obtidos e interpretados nas distintas técnicas analíticas empregadas na conservación de materiais.
  • Guide de manipulation des collections, V. Illes. Esta guía forma parte dun proxecto de conservación preventiva levado por dez museos europeos e está dirixido a todas as persoas que se enfrentan regularmente a manipulación e desprazamento de pezas nos museos: conservadores, investigadores, fotógrafos, documentalistas…
  • Conservation and care of glass objects , S. P. Koob. Mostra os principios e métodos empregados na limpeza e restauración de obxectos de vidro, incluidos os aspectos de deterioro, a ética e estética da restauración, o almacenamento, técnicas de reparación de vidros rotos…
  • X-Radiography of textiles, dress and related objects, S. O’Connor e M. Brooks. Esta técnica non destrutiva revela datos sobre a técnica de fabricación, uso, desgaste, reparación, pautas e datas do desgaste de distintos obxectos téxtiles (arqueolóxicos, etnográficos, tapices, bordados… ). Esta mellora na documentación e interpretación permite practicar novos criterios na conservación.
  • Indicadores para la gestión de conservación en museos, archivos y bibliotecas, Héctor L. Zamorano.

Museoloxía e museografía:

  • Museums and difference. As relacións de diferenza, en particular de xénero, nacionalidade, raza, orixe étnica e os museos, son obxecto de estudo de investigadores e profesionais coa idea de reexaminar a forma de construír os museos, as súas coleccións e os seus públicos.
  • Musealizar la vida cotidiana: los museos etnológicos del Alto Aragón, Concha Matínez Latre. Presenta os procesos de institucionalización de sete pequenos museos locais do Pirineo Aragonés. Primeiro faise un percorrido teórico por nocións como pobo, xente e multitude, ademais das diferentes teorías sobre cultura popular. A segunda parte é un estudo de campo que permite aventurar cales son os factores que activan a musealización da vida cotidiana desde as novas significacións.
  • El turismo cultural, los museos y su planificación, de Manuel Ramos. Afróntanse as relacións dos museos co turismo cultural desde múltiples perspectivas: histórica, xeográfica, económica, comercial, social, política e técnica, baseándose nos criterios de sostibilidade, conservación e rendabilidade social, así como nos principios da ainda mal definida museoloxía crítica.
  • La caja de cristal: un nuevo modelo de museo. É un programa colectivo de investigación que tenta encontrar un prototipo espacial abstracto, que defina a nova organización de todos os compoñentes que viran a substituír o programa xa obsoleto do museo actual. Consta das seguintes partes: organización xeral do espazo, accesos, área pública, área de traballo, comunicación e relación co exterior.

Todas as obras pódense consulta no catálogo en liña da biblioteca

Adquisicións 2008

 Este ano destacamos entre as adquisicións que se fixeron na Biblioteca do Museo Etnolóxico as referentes a temas de deporte, como apoio bibliográfico á exposición de Álbums para o reencontro. Ribadavia e o ribadavienses VI. O deporte, e bibliografía sobre deseño de exposicións:

Culturas en juego : ensayos de antropología del deporte en España, El Fenómeno deportivo : estudios sociológicos en torno al deporte, la violencia y la civilización, Deporte y modernización : la actividad física como elemento de transformación social y cultural en España, 1910-1936 , Sociología del deporte, Exhibition design, Exhibit design : high impact solution, La insurrección expositiva : cuando el montaje de exposiciones es creativo y divertido, cuando la exposición se convierte en una herramienta subversiva, La exposición comercial : tiendas y escaparatismo, stands y ferias, grandes almacenes y superficies.

Deporte:

  • Culturas en juego : ensayos de antropología del deporte en España. Esta obra recolle reflexións de diferentes investigadores acerca das prácticas físico-deportivas en España desde o punto de vista sociocultural. O deporte é un fenómeno total, un elemento clave para a comprensión das sociedades contemporáneas.
  • El Fenómeno deportivo : estudios sociológicos en torno al deporte, la violencia y la civilización de Eric Dunning. O autor aborda o tema do deporte moderno desde a óptica sociolóxica, trata temas como: a importancia social e sociolóxica do deporte, o deporte e as emocións, a comercialización e profesionalización do deporte, o deporte e o xénero.
  • Deporte y modernización : la actividad física como elemento de transformación social y cultural en España, 1910-1936 de Antonio Rivero Herraiz. O autor apunta a tese do deporte como factor da modernización española, o deporte como rexeneración, como aposta dos que viron que o exercicio físico debía incorporarse aos plans e proxectos educativos dunha España dinámica e moderna.
  • Sociología del deporte. Analiza aspectos como a estutura social da práctica deportiva, cultura deportiva e socialización, a mercantilización do deporte, a relación do deporte co xénero, a idade, a organización social, o espazo e o tempo, a ecoloxía e o mercado de traballo.

Deseño de exposicións:

  • Exhibition design de David Dernie. Na introdución dase unha perspectiva histórica sobre o desenvolvemento das exposicións e dos museos. Na primeira parte analiza a narrativa do espazo, o espazo performativo, a segunda refírese a práctica da visualización: iluminación, cor, sons, e gráficos, sempre ilustrado con fotografías, debuxos e diagramas de exposicións.
  • Exhibit design : high impact solution. Presenta a toda cor exemplos de exposcións, en Estados Unidos, de todo tipo de feiras comerciais: de roupa, de automoción, electrónica, seguros…
  • La insurrección expositiva : cuando el montaje de exposiciones es creativo y divertido, cuando la exposición se convierte en una herramienta subversiva de Paco Pérez Valencia. A museografía defendida neste tratado, é aquela, que desde o respecto pola obra e o seu entorno, aspira a xerar preguntas para espíritus inquedos, non a dar respostas a pasivos miróns.
  • La exposición comercial : tiendas y escaparatismo, stands y ferias, grandes almacenes y superficies de Juan Carlos Rico. ¿É o mesmo expor para vender que para mirar? ¿Podemos aprender algo desde campo da exposición para aplicar aos museos? ¿e a inversa?, estas son as preguntas que definen este proxecto de investigación e experimentación, para saír do aillamento de cada especialidade expositiva.

Todas as obras pódense consulta no catálógo en liña da biblioteca

Revistas Electrónicas

 Actualmente exiten moitas revistas científicas que publican os seus artigos a texto completo na rede. Fixemos unha selección de revistas electrónicas sobre antropoloxía cultural e social, antropoloxía visual, etnografía, etnoloxía:

  • Análise social: publicación multidisciplinar do Instituto de Ciências Sociais da Universidade de Lisboa, especializada nas áreas de socioloxía, historia, antropoloxía e ciencia política sobre todo de Portugal e estudos comparativos, mais tamén aberta a artigos sobre outros países.
  • Arquivos da memória: publicados polo Centro de Estudos De Etnología Portuguesa, a nova serie que inciaron en 2007, está a texto completo. Cada número está adicado a unha tema concreto no ámbito da antropoloxía social e cultural: temas e problemas en antropoloxía, antropoloxía escala e memoria. mundos urbanos e contemporaneidade.
  • Cuadernos de etnología y etnografía de Navarra: desde 1996 ano 28, nº 67 pódese consultar a texto completo os artigos desta revista publicada pola Institución Príncipe de Viana do Goberno de La Rioja, con temas de antropoloxía, etnoloxía, etnografía sobre todo da zona de Navarra, mas non só.
  • Etnografica: revista Semestral de Antropologia do Centro de Estudos de Antropologia Social (ISCTE). é uma revista científica especializada em Antropologia social e cultural publicada em Portugal.
  • Gazeta de antropología: publicada pola Universidade de Granada desde 1982 con estudos de carácter etnográfico sobre todo da zona de Andalucía , mas tamén artigos teóricos-filosóficos de antropoloxía. Destacamos no número 21 (2005) varios artigos sobre antropoloxía visual.
  • Invisible Culture. An electronic journal for visual culture: revista en liña especializada en artes visuais: as prácticas culturais e materiais surxen non só no mundo visíbel , senón tamén nas relacións sociais. Os investigadores exploran nas dimensións materiais e políticas das prácticas culturais.
  • Revista chilena de antropología visual: revista científica semestral en formato electrónico, realizada polo Núcleo de Antropología Visual (NAVISUAL), que ten como obxectivo publicar artigos de antropoloxía visual de carácter nacional e latinoamericano.
  • Revista de antropología experimental: publicada pola Universidade de Jaén, con artigos de investigadores de España, Portugal e Iberoamérica sobre todo de antropoloxía social e cultural.
  • Revista de antropología social: publicada pola Facultad de Ciencias Políticas y Sociología de la Universidad Complutense, presenta traballos de investigación etnográfica e antropolóxica de calquera parte do mundo relacionados coa antropoloxía cultural e social.
  • Revista d’etnologia de Catalunya: publicada polo Centre de Promoció de la Cultura Popular i Tradicional Catalana da Generalitat de Catalunya, cada número inclúe un dossier monográfico con artigos de especialistas, ademais de informacións sobre asociacións, entidades relacionadas co patrimonio etnolóxico e a museografía.
  • Revista española de investigaciones sociológicas (REIS): publicación trimestral do Centro de Investigaciones Sociológicas (CIS), o seu obxectivo é a difusión de estudos de natureza académica que contribúan o mellor coñecemento da sociedade española. Abarca un amplo número de temas dentro da socioloxía e a ciencia política: antropoloxía, teoría sociolóxica, psicoloxía social, estrutura e cambio social…
  • Revista internacional de sociología (RIS): ademais de traballos científicos sobre socioloxía, ciencia política, política social, economía, antropoloxía, filosofía social e moral, en atención especial aos debates que surxen en España e Latinoamerica, pretende ser un órgano de reflexión e debate de cuestións filosófico-morais que afectan a ciudadanía.

Se queredes consultar mais revistas electrónicas a Asociación de Antropólogos Iberoamericanos en Red AIBR ten na súa páxina web unha relación de revistas e guías de antropoloxía disponébeis na Internet en español

Bibliografía sobre Museos e Comunicación

Con motivo da celebración no Museo Etnolóxico de Ribadavia do X Coloquio Galego de Museos este ano 2008 co título Museos e comunicación, fixemos unha selección de bibliografía comentada sobre este tema, por unha banda monografías e artigos de revistas que se poden encontrar na Biblioteca do Museo e por outra artigos a texto completo consultables na rede.

[Descargar bibliografía en pdf]

Álbums para o reencontro. Ribadavia e os ribadavienses VI. O deporte

p7220223.jpgA mostra presenta este ano un tema no que todos somos ou fomos partícipes dalgún xeito. Estamos a referirnos ao que coñecemos co nome xenérico de Deporte, posto que impregnou e segue a facelo, as nosas vidas, ben participando activamente ou como espectadores.

Ser, estar, producir. Oficios e visibilidade

24-blog.jpgA exposición desenvólvese en tres ámbitos: "O museo no cárcere", "Que pensamos que fai cadaquén" e "A reconversión do oficio". Os tres ámbitos ten en común as fotografías -feitas pola fotógrafa MILA RODERO- de xentes de oficio da provincia de Ourense, Lugo e A Coruña, así como obxectos dos fondos do Museo e deixados en préstamo polas propias xentes de oficio.

1.- "O museo no cárcere" recolle unha mostra a modo de fotograma do obradoiro desenvolvido no Centro Penitenciario Pereiro de Aguiar polo Museo Etnolóxico.

2. " Que pensamos que fai cadaquén" Pretende dar pé a unha reflexión sobre o papel da muller nos oficios. "Eu si fora home sería ferreiro" (Justa Señor, A Fonsagrada)

3.- "A reconversión do oficio": Amósanos como a maioría dos oficios se foron adaptando para converterse en plenamente competitivos no mercado actual. "..entón emprezamos a trampear os zocos con outras cousas, puseiras, carteiras, (...) uns cintos que xa facía meu pai (...) pois ao mellor ibas vendendo algo deso e seguías traballando no mismo" (Elena Ferro, A Merza) ver galería de fotos ver galería

Os catro elementos. Aire, auga, terra e lume

terra.jpg

A exposición Os catro elementos e un proxecto interdisciplinar no que o patrimonio etnográfico material, o patrimonio histórico, a fotografía, a tradición oral e a literatura se xuntan para facer evidente o papel esencial que tivo cada un dos catro elementos no desenvolvemento da civilización ao longo da historia así como a súa presenza e a súa valoración na cultura occidental.

Durante milenios os catro elementos foron protagonistas de ritos, mitos e realidades. Dende a antiga Grecia ata finais do século XVII, cando nacen as ciencias experimentais e o pensamento racionalista, o aire, a auga, a terra e o lume foron o fundamento da visión do mundo, do microcosmos humano e do macrocosmos do universo, da súa creación e as súas mutacións. Ata entón, humanistas, teólogos, científicos, literatos e artistas sentíronse fascinados polo edificio doutrinal organizado entorno aos catro elementos.

x coloquio galego de museos. Museos e comunicación

programa_fin_2-pablo-1.jpgXa podemos consultar o programa definitivo do "X Coloquio Galego de Museos".

Do día 2 ao 4 de outubro do presente ano terá lugar no Museo Etnolóxico o "X Coloquio Galego de Museos" baixo o tema de "Museos e Comunicación".

O coloquio dividido en catro bloques temáticos, estructúrase en torno a seis relatorios que servirán de marco para a presentación das comunicacións.

A data límite de presentación de comunicacións é o 14 de xullo de 2008. Na segunda quincena do mesmo mes se lles comunicará aos remitentes a resolución da Comisión.

Os textos íntegros dos relatorios e comunicacións deberanse entregar no momento da súa presentación definitiva para poder proceder á edición das actas. programa_definitivo.pdf

Distribuir contido